Rover. Así se chama o robot de fabricación francesa que, a partir de agora, axudará os bombeiros de Pontevedra durante as tarefas de extinción de incendios, garantindo a seguridade de todas as persoas que participan nestes operativos.
O de Pontevedra será o segundo parque de bombeiros de toda España, tras o de Bilbao, en incorporar este robot, que desde hai anos usan con éxito en Francia. De feito, un modelo anterior a este colaborou en 2019 na extinción do incendio da catedral Notre Dame.
"Ao principio os bombeiros non querían utilizalo porque dicían que sabían traballar sen robot", explicou Juan Cristóbal Detis, responsable da empresa JCM Distribution, "pero agora nunca queren ir a un incendio sen el por se necesitan estar protexidos".
Esta ferramenta "non substitúe nunca ao bombeiro", segundo este representante, xa que o robot se manexa cun mando remoto. Ten unha autonomía de dezaseis horas, pode subir pendentes de até 45 graos e chega como máximo a unha distancia duns 200 metros.
Funciona con auga ou con espuma e está deseñado para operar de maneira rápida durante os incendios, evitando que os bombeiros se expoñan directamente ao lume en intervencións complexas ou no caso de que haxa risco de derrube, de explosión ou de gases tóxicos.

A auga que recibe o robot chégalle a través do propio camión de extinción de incendios, pero tamén pode conectarse con mangueiras a unha unidade fixa de auga, o que consegue que non teña limitación algunha para poder extinguir o lume.
Pode aguantar temperaturas "moi altas", subliñou Juan Cristóbal Detis, porque está protexido por aspersores. Aguanta temperaturas por encima dos 500 graos.
"O único perigo é que se a auga para o robot estará morto", afirmou porque os seus compoñentes electrónicos, de fabricación chinesa, non soportan máis de 70 graos.
A este respecto, o xefe do parque de bombeiros de Pontevedra, Miguel Estévez, explicou que este robot sería de gran utilidade, por exemplo, no incendio da antiga Pontesa "cando hai que tirar grandes cantidades de auga e non é preciso arriscar os medios humanos".
Este robot permite aos integrantes do operativo de extinción de incendios "ter unha aproximación ao incendio e traballar no sitio sen ter que estar a pé de obra", destacou Estévez. Todos os efectivos do parque recibirán formación para manexalo.

A edil responsable da área de seguridade cidadá, Eva Vilaverde, destacou que o Concello investiu preto de 18.000 euros na adquisición deste robot co que se busca "mellorar a eficiencia nos operativos e a seguridade dos traballadores".
Vilaverde apuntou que con el "poderemos entrar en circunstancias nas que unha persoa non podería facelo" por temperaturas altas, en incendios "especialmente complicados" ou cando poida haber "calquera obstáculo" que supoña risco para a vida dos bombeiros.
Este robot, equipado tamén con cámaras e focos de luz, non inclúe de momento cámaras térmicas para analizar os puntos de calor, pero o goberno municipal non descarta incorporalas se o ven " necesario" os responsables do parque de bombeiros pontevedrés.