A Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde de Pontevedra continúa co seu programa 'A Vida é Movernos', co obxectivo de xerar hábitos saudables na cidadanía para que pouco a pouco retome ou se inicie na actividade física que a pandemia puido frear.
A primeira das xornadas foi a de risoterapia, impartida por Mar García nos xardíns da Illa das Esculturas. A segunda xornada será este mesmo domingo en horario de 11:30 a 13:00 horas no mesmo lugar.
Ao obradoiro achegouse o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Actividade Física e Saúde, Tino Fernández, que explicou que "non defraudou, xa que todos nos botamos unhas risas. Como era de agardar, metéronse bastante co tenente de alcalde, pero sempre con moito sentido do humor... Foi un desmadre, unha terapia moi necesaria para axudarnos a recuperar a mente despois de duros meses de pandemia".
Pola súa banda, a xornada 'Vivir sen ansiedade' desenvolverase no ximnasio do Pavillón Municipal dos Deportes os días 24, 26 e 31 de agosto en horario de 10:00 a 11:30 horas. A encargada de impartir as xornadas será a monitora Lucía Santomé, certificada no método LK-Movimiento Inteligente, que ofrecerá ademais unha serie de recursos para continuar co traballo na casa.
Será de balde, destinada a maiores de idade e cun máximo de 12 participantes. As inscricións están abertas no teléfono 630 231 732.