Risoterapia e 'Vivir sen Ansiedade', novas propostas municipais para coidar a saúde

Pontevedra
16 de agosto 2021

O concelleiro de Deportes, Actividade Física e Saúde de Pontevedra Tino Fernández manifestaba que "non nos podemos esquecer da afectación do estado psicolóxico e anímico da pandemia", e por este motivo o seu departamento centra as próximas actividades do programa ‘A Vida é Movernos’ na sáude mental

Lucía Santomé, Tino Fernández e Mar García presentan as novas actividades de 'A Vida é Movernos'
Lucía Santomé, Tino Fernández e Mar García presentan as novas actividades de 'A Vida é Movernos' / Mónica Patxot

A Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde de Pontevedra continúa co seu programa ‘A Vida é Movernos’, co obxectivo de xerar hábitos saudables na cidadanía para que pouco a pouco retome ou se inicie na actividade física que a pandemia puido frear.

As propostas para final deste de agosto están centradas na saúde mental. O concelleiro Tino Fernández manifestaba que "non nos podemos esquecer da afectación do estado psicolóxico e anímico da pandemia", como pode ser aumento de casos de crise de ansiedade ou estados de tristeza mantidos no tempo.

As dúas actividades programadas son un taller de Risoterapia e outro titulado Vivir sen Ansiedade.

RISOTERAPIA

A Risoterapia desenvolverase en dúas sesións os días 21 e 22 de agosto nos xardíns da Illa das Esculturas ao carón da casa de pedra sen ventás do artista José Pedro Croft en horario de 11:30 a 13:00 horas.

As persoas interesadas pódense inscribir no correo electrónico [email protected]. A actividade é gratuíta e está aberta a persoas maiores de idade cun máximo de 14 participantes por sesión.

A monitora Mar García explicaba que non se trata de rir sen máis, senón que cada clase está estruturada a partir dun quecemento inicial para desbloquear aos asistentes e que se abran a participar ata acadar eses momentos de risa que permiten liberar tensións e levantar o ánimo.

VIVIR SEN ANSIEDADE

Vivir sen ansiedade, pola súa banda, vaise desenvolver no ximnasio do Pavillón Municipal dos Deportes os días 24, 26 e 31 de agosto en horario de 10:00 a 11:30 horas.

A actividade tamén é de balde, destinada a maiores de idade e cun máximo de 12 participantes. As inscricións están abertas no teléfono 630 231 732.

Para favorecer o aproveitamento deste traballo, que incide na relaxación mental a través do movemento e a respiración, a monitora Lucía Santomé, certificada no método LK-Movimiento Inteligente, ofrecerá aos participantes unha serie de recursos para continuar co traballo na casa.

Para obter máis información desta metodoloxía, pódese visitar a web www.luciasantome.com