A pesar da fría noite, centos de pontevedreses gozaron cunha nova edición da Mostra da Parodia que, tras ser aprazada a semana pasada polo mal tempo, puido despregar todo o seu enxeño e o seu bo humor polas principais rúas e prazas do centro histórico.
Sete foron as agrupacións que participaron este ano na noite máis vándala do Entroido de Pontevedra, na que os triunfadores absolutos foron os integrantes de Equipo Ja, que abriron un auténtico túnel do terror na Praza de Ourense.
Moitos foron os que se atreveron a entrar nesta terrorífica aventura, entre eles o propio alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a quen lle preguntaron "a quen lle deixaría a alcaldía" se non superaba a proba de atravesar este túnel.
O segundo premio desta Mostra da Parodia, pola súa banda, foi para Os do Val do Lérez, que ironizaron na Praza da Peregrina coa viaxe ao espazo de Jesús Calleja e unha relación coa discoteca La Luna.
Compartírono coa agrupación que, baixo a denominación, No Te Joroba, levaron a emoción e a diversión dos camelos das Festas da Peregrina á Praza da Verdura.

Na edición deste ano, tamén houbo unha homenaxe ao centenario dun dos establecementos hostaleiros máis emblemáticos de Pontevedra, La Navarra, que Os ds Pistas protagonizaron na parte traseira da basílica da Peregrina.
Furancho PTV, pola súa banda, trasladou a súa particular versión dos Cantos de Taberna á Rúa Manuel Quiroga, logrando un terceiro premio compartido con Las Flores del Carnaval, que na Praza da Ferrería parodiaron un Land Rober da TVG reconvertido en Land Lores.
Os Premios Feroz tamén se coaron nesta Mostra da Parodia da man de Vamos a todo, que animaron os soportais da Ferrería coa súa aceda crítica a este evento e ao diñeiro que se investiu en traelo á cidade de Pontevedra.
O Entroido pontevedrés aínda reserva a súa traca final para este sábado, no que toda a cidade despedirá ao seu emblemático Loro Ravachol. Será a partir das nove da noite.



























































































