Ribadumia volverá premiar ás mellores carrozas de Reis

O Salnés
26 de novembro 2024
Actualizado: 27 de novembro

A inscrición no concurso deberá facerse de forma presencial nas oficinas municipais e o prazo remata o 13 de decembro

Cabalgata de Reis
Cabalgata de Reis / Concello de Ribadumia

Co Nadal cada vez máis cerca, o Concello de Ribadumia convoca o II Concurso de carrozas de Reis, as cales acompañarán ás súas maxestades de Oriente na Cabalgata.

Ao concurso poderán presentarse todas as asociacións veciñais, culturais, clubs deportivos ou entidades de carácter social sen ánimo de lucro que teñan o seu domicilio social no municipio de Ribadumia e se atopen inscritos no Rexistro Municipal de Asociacións.

A temática de cada carroza é libre, pero deberá estar vinculada ao Nadal, sendo imprescindible que sexa realizada polos propios participantes e que a estética sexa diferente á da primeira edición do concurso, no caso de ter participado.

Ademais, tan só se poderán presentar aquelas propostas nas que os seus integrantes vaian disfrazados. As carrozas deberán ter, como mínimo, 1 metro de altura, 3 metros de longo e 1,5 metros de ancho.

A inscrición deberá facerse obrigatoriamente nas oficinas do Concello. O prazo de presentación de toda a documentación será ata o venres 13 de decembro e as solicitudes recolleranse de luns a venres en horario de 8:00 a 15:00 horas.

O xurado deste concurso estará composto por un membro representante da organización da Cabalgata de Reis, unha persoa vinculada ao departamento de eventos, cultura ou comunicación do Concello e tres representantes de distintas asociacións con sede no municipio, dándose prioridade a aquelas que colaboren na organización da Cabalgata e non se presenten a este concurso.

Cada unha das carrozas que realice o pasacalles obterá unha gratificación de 300 euros por participar. Ademais, estableceranse tres premios: o primeiro de 400 euros, o segundo de 300 e o terceiro de 200.

ESCAPARATES

Tras o éxito das anteriores edicións, o Concello de Ribadumia convoca un ano máis o V Concurso de decoración de Nadal en ventás e exteriores de vivendas e o V Concurso de decoración de Nadal de escaparates e interiores de establecementos, este último promovido en colaboración coa asociación de comerciantes do municipio "Ribadumia Agárdate".

As persoas que desexen participar teñen de prazo para inscribirse ata o venres 20 de decembro de 2024 de forma presencial no Concello de Ribadumia, a través do correo electrónico cultura@ribadumia.org ou no teléfono
986718491.