Ribadumia remata as obras no lugar de Coruto coa execución dun muro de contención

O Salnés
11 de marzo 2025
Actualizado: 12:00

A actuación forma parte dun paquete de obras financiadas a través do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, cun orzamento de preto de 70.000 euros

Obras nun camiño no lugar de Coruto
Obras nun camiño no lugar de Coruto / Concello de Ribadumia

Rematan as obras nun camiño municipal do Lugar de Coruto, na parroquia de Ribadumia.

O Concello de Ribadumia levou a cabo esta mellora da seguridade viaria.

O proxecto forma parte dun paquete de actuacións en diversos puntos do municipio que contan cun orzamento de 67.049 euros, financiado integramente polo Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

Os traballos estiveron centrados na execución dun tramo de muro de contención de terras a carón dun camiño municipal no lugar de Coruto, completando as obras previamente iniciadas polo Concello de Ribadumia ao abeiro do Plan Concellos 2021.

O muro de cachotería granítica ten unha lonxitude de 7,50 metros e unha altura media de 4,00 metros (incluíndo a súa cimentación de arranque), en continuidade co muro de contención actualmente existente.

Ditas actuacións teñen como obxectivo principal a seguridade viaria no camiño.

Coa execución do muro se consigue a estabilización definitiva das terras da parcela e á vez se reducen os desprendementos de areas e terras cara ao camiño.

O goberno local de Ribadumia destaca que con esta intervención "continúa avanzando na súa aposta por mellorar as vías municipais", garantindo unha maior seguridade para a veciñanza e "reforzando o compromiso co mantemento e conservación dos espazos públicos".