O Concello de Ribadumia levará a cabo un proxecto de mellora integral do pavillón polideportivo e o campo de fútbol da Bouza, en Barrantes, así como a humanización do espazo público do CPI Julia Becerra Malvar e a mellora da accesibilidade ao edificio de servizos municipais.
A actuación, que conta cun orzamento superior a un millón de euros, contará cunha achega de 700.000 euros do Plan Provincia Extraordinaria - Plan Extra da Deputación de Pontevedra, mentres que o Concello achegará os case 400.000 euros restantes.
Dentro do proxecto está incluída a construción dun novo edificio de dúas plantas entre o pavillón polideportivo e as bancadas do campo de fútbol da Bouza, que albergará unha cafetaría con servizos, despacho e sala de reunións.
Ademais, humanizarán e urbanizarán o espazo público adxacente ao CPI Julia Becerra Malvar e as instalacións deportivas, creando unha praza ou parque urbano que facilitará a comunicación e mellorará a accesibilidade.
Tamén construirán unha costa peonil de acceso desde a praza ao edificio de servizos municipais e un acceso cuberto desde o ximnasio e comedor escolar ao espazo público, garantindo a accesibilidade e seguridade viaria para os viandantes.
Esta actuación, tal e como indican desde o Concello, responde á necesidade de modernizar os servizos públicos e mellorar os espazos urbanos, apostando pola creación de espazos públicos de calidade ao servizo da cidadanía.
O proxecto garante a seguridade e accesibilidade na contorna escolar, deportivo e dos servizos no centro urbano.