Como cada ano, chegan días de diversión, reunións e goce na Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación das Variedades Autóctonas. Son días de explosión de alegría e de moitas ganas, pero tamén poden ser días en que se levan ao extremo e quedan máis visibles que nunca algunhas actitudes e comportamentos que o Concello de Ribadumia quere desterrar da nosa sociedade.
Por iso, o goberno local pretende activar a resposta cidadá de rexeitamento á violencia sexista chamando a atención sobre a necesidade de que os espazos festivos e o resto do municipio, en festas, sexan espazos seguros en que as actitudes de respecto de homes e mulleres permitan gozar a todas as persoas, en especial ás mulleres e mozas, da festa sen violencia e sen risco de agresións sexistas, sexan da intensidade que sexan.
O Concello de Ribadumia levará a cabo unha campaña de sensibilización, concienciación e rexeitamento da violencia sexista grazas á posta en marcha de varias actuacións.
En primeiro lugar, instalarase un Punto Violeta nos días da festa.
As redes sociais tamén serán protagonistas desta campaña, pois a través de Instagram e Facebook (tanto do Concello de Ribadumia como da Festa do Tinto) terán cabida publicacións con vídeos ou imaxes que promovan mensaxes de concienciación e rexeitamento da violencia sexista e máis especificamente da violencia sexual nas Festas do Tinto baixo o cancelo #ribadumiasenviolencia.
Nestas accións colaborarán as asociacións e entidades culturais ou deportivas do municipio.
A campaña dará inicio esta semana e prolongarase ata os días de celebración do 50 Aniversario da Festa do Viño Tinto e Exaltación das Variedades Autóctonas.