Ribadumia fai balance da exitosa Festa do Pan

O Salnés
14 de agosto 2024

O Concello de Ribadumia estima que preto de dúas mil persoas se achegaron ata a localidade do Salnés durante toda a xornada para gozar de todas as actividades ofrecidas

Numeroso público asistiu á XXI Festa do Pan do Salnés
Numeroso público asistiu á XXI Festa do Pan do Salnés / Concello de Ribadumia

Este sábado 10 de agosto celebrouse, na Carballeira de Ribadumia, a XXI Festa do Pan do Salnés.

O Concello de Ribadumia estima que preto de dúas mil persoas se achegaron ata a localidade do Salnés durante toda a xornada para gozar de todas as actividades ofrecidas.

Éxito na afluencia de participantes e na procedencia dos visitantes, non só xentes da comarca e de Galicia, senón tamén persoas chegadas dende Madrid, Barcelona, La Mancha e ata de Francia.

A presenza de numeroso público fíxose notar dende as primeiras horas. Os visitantes comezaron a chegar en torno ás 17:00h para a entrega de sobremesas e empanadas, e a afluencia foi constante durante toda a programación, dende as actividades infantís e familiares ata a saída cara os Muíños de Batán, onde se celebrou a cea de confraternidade.

Esgotáronse todos os tickets que estaban á venda. Despacháronse 1.500 racións de ovos fritos que puideron ser acompañados de polbo, empanadas e distintas variedades de pan e sobremesas, que se puideron adquirir nos postos habilitados para a súa venda.

Fontes municipais constatan que estes datos supoñen un grande éxito para toda a organización e os colaboradores da celebración, pois é unha festa que xa está consolidando público que asiste ano tras ano como unha tradición xa arraigada.