O Concello de Ribadumia convoca o I Concurso de Carrozas de Reis dirixido a todas as asociacións veciñais, culturais, clubs deportivos ou entidades de carácter social sen ánimo de lucro que o desexen e teñan o seu domicilio social no municipio e se atopen inscritos no Rexistro Municipal de Asociacións.
A inscrición deberá facerse de forma presencial nas oficinas municipais e o prazo desta remata o 11 de decembro.
Poderase participar unicamente cunha carroza individualmente ou en agrupación dun máximo de dúas asociacións.
A temática de cada carroza é libre pero deberá estar vinculada ao Nadal e "que non sexa obscena ou ofensiva". Poderanse presentar propostas que están compostas unicamente por integrantes disfrazados. As carrozas deberán ter, como mínimo, 1 metro de altura, 3 metros delongo e 1,5 metros de ancho.
O xurado deste concurso estará composto por un membro representante da organización da Cabalgata de Reis, unha persoa vinculada ao departamento de eventos, cultura ou comunicación do Concello de Ribadumia e tres representantes de distintas asociacións con sede no Concello de Ribadumia, dándose prioridade a aquelas que colaboren na organización da Cabalgata e non se presenten a este concurso.
Cada unha das carrozas que realicen o pasarrúas obterán unha gratificación de 300 euros por participar. Ademais, haberá un primeiro premio de 400 euros, un segundo 300 y un terceiro 200.