Ribadumia amplía un camiño municipal para dar acceso a un lavadoiro no lugar de Outeiro

O Salnés
25 de marzo 2025
Actualizado: 18:35

Esta actuación forma parte do Plan Marco de Mellora de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas 2024/2025, cun orzamento de máis de 62.000 euros

Obras nun camiño municipal para dar acceso a un lavadoiro no lugar de Outeiro
Obras nun camiño municipal para dar acceso a un lavadoiro no lugar de Outeiro / Concello de Ribadumia

O Concello de Ribadumia continúa cos seus proxectos de mellora da rede viaria municipal, acometendo actuacións destinadas a reforzar a accesibilidade e a seguridade dos camiños rurais.

Concretamente, no Lugar de Outeiro, na parroquia de Ribadumia, realizouse a ampliación dun camiño municipal que parte da estrada provincial EP-9305 (Coirón - Ribadumia - Leiro), permitindo  mellorar a conexión cos núcleos da zona.

Actualmente, estase levando a cabo a ampliación dun dos camiños perpendiculares a esta vía principal, co obxectivo de facilitar o acceso a un lavadoiro público situado nas proximidades.

Con esta actuación, mellórase tanto a accesibilidade dos veciños como a conservación dun elemento de uso común, promovendo á vez a seguridade viaria na contorna.

Esta actuación enmárcase dentro do Plan Marco de Mellora de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas 2024/2025, que conta cun orzamento base de 62.139 euros.

O plan ten como finalidade mellorar a mobilidade nas zonas rurais, garantindo un acceso adecuado ás explotacións agrícolas e ás fincas da zona, ademais de optimizar as infraestruturas viarias para os residentes dos núcleos próximos.

O goberno local destaca que "o Concello de Ribadumia continúa mellorando a súa rede de camiños, priorizando actuacións que favorezan a accesibilidade e a calidade de vida da veciñanza, ao tempo que se potencia a conservación e o aproveitamento dos recursos naturais locais".