Rías Baixas remata a segunda mellor colleita da historia, con 33 millóns de quilos de uva

O Salnés
16 de outubro 2013

A conselleira do Medio Rural visitou as tres principais cooperativas vinícolas do Salnes e eloxiou a colleita e todo o seu proceso de recolección deste ano en Rías Baixas. Considera que "foi unha vendima que puido satisfacer a todos, aos viticultores, pero tamén aos adegueiros" e augura que "esperamos ter un viño, como non era menos de esperar, de altísima calidade"

Vendima en zonas da D.O. Rías Baixas
Vendima en zonas da D.O. Rías Baixas /

A vendima 2013 na Denominación de Orixe Rías Baixas deixou unha colleita histórica de 33 millóns de uva, un 80% máis que o ano pasado e a segunda máis elevada na historia da D.O.

Os datos achegounos o Consello Regulador este mércores, se ben matizan que a vendima aínda non está pechada. A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, visitou as tres principais cooperativas vinícolas do Salnes e referiuse a unha colleita histórica de 32 millóns. Segundo os datos achegados pola responsable política, en 2012 vendimáronse 17,5 millóns de quilos e a colleita máis alta rexistrouse en 2011, con 41,5 millóns de quilos de uva.

A conselleira eloxiou a vendima e todo o seu proceso de colleita deste ano en Rías Baixas. Considera que "foi unha vendima que puido satisfacer a todos, aos viticultores, pero tamén aos adegueiros" e augura que "esperamos ter un viño, como non era menos de esperar, de altísima calidade".

Rosa Quintana agradeceu o papel que desempeñan viticultores e adegueiros, pois "están facendo un traballo en conxunto para que o valor se distribúa perfectamente en toda a cadea" e están "adaptando as súas producións para ter cada día un viño de maior calidade".

Ao longo da mañá pasou polas instalacións das adegas Martín Códax, Condes de Albarei e Paco e Lola nunha visita na que a acompañaron o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto.

Durante a súa visita manifestou a súa satisfacción porque "todas as adegas apostan pola internacionalización dos seus produtos", unha medida que considera "intelixente" porque "estamos conseguindo que os nosos viños estean presentes en case todos os países do mundo".

Ao respecto, indicou que o sector vitivinícola galego incrementou máis dun 30% as exportacións nos últimos cinco anos e que tamén medrou a inversión pública para promover esta internacionalización. En xeral, neste exercicio triplicouse o investimento no sector vitivinícola galego, ata acadar os 3,5 millóns, co fin de estruturar a produción, promover a profesionalización e facelo máis competitivo nos mercados foráneos.