As Rías Baixas presumirán de camelias no Xapón

Pontevedra
07 de marzo 2025
Actualizado: 13:45

O Congreso Internacional da Camelia, que se celebrará na cidade de Toquio, contará cunha participación activa do persoal da Finca Areeiro, que presentará alí un plan estratéxico do té

Exposición de camelias en Rubiáns
Exposición de camelias en Rubiáns / Concello de Vilagarcía de Arousa

Unha delegación pontevedresa, encabezada polo presidente de Deputación, Luis López, viaxará a próxima semana ata o Xapón para participar no Congreso Internacional da Camelia que se celebrará na cidade de Toquio entre os días 9 e 13 de marzo.

"Imos irmandarnos cun país, Xapón, co que compartimos a devoción por unha flor, a camelia, que xa é emblema das Rías Baixas", subliñou López, que irá acompañado polo deputado responsable da Finca Areeiro, Javier Tourís.

Ambos teñen previsto manter encontros con distintos organismos para avanzar na promoción da camelia e da provincia a nivel internacional, xa que entenden que "esta flor que marabilla" tanto aos visitantes "nos abre portas e pon as Rías Baixas no mapa".

Durante o congreso, a Deputación terá unha "participación activa", segundo o seu presidente.

Será, sobre todo, polo papel que ten a Finca Areeiro como "gran referente" no estudo e investigación arredor desta flor tan característica das Rías Baixas.

Así, persoal técnico de Areeiro dará a coñecer o plan estratéxico do té, a súa evolución en canto á composición e as novidades no que respecta ao combate de pragas da camelia.

Ademais, neste congreso o Pazo de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa, vai renovar a súa certificación como xardín de excelencia internacional da camelia, concedida hai dez anos.

Alí detallarase tamén a incorporación de novos enclaves á coñecida como Ruta da Camelia.