A provincia de Pontevedra continúa a súa tendencia alcista no sector turístico, segundo confirman os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística analizados pola Deputación de Pontevedra.
O destino Rías Baixas non só medrou un 16% en setembro de 2024 respecto ao mesmo mes do ano anterior, senón que se situou como líder do ránking de destinos turísticos galegos, por diante da Costa da Morte, a Mariña Lucense e as Rías Altas.
A provincia rexistrou 222.228 visitantes en setembro, o que representa o 35% do turismo total en Galicia.
Do total de viaxeiros, un 59% foron turistas nacionais, mentres que un 41% das visitas procederon do estranxeiro, destacando visitantes de Alemaña, Estados Unidos e Portugal
Especialmente significativo é o incremento do turismo internacional, que medrou case un 30% respecto a setembro de 2023.
A ocupación hoteleira media aumentou un 3%, cunha estancia media de 2,1 días por visitante.
Aínda que os datos oficiais de outubro non estarán dispoñibles ata finais de novembro, os rexistros provisionais mostran unha tendencia positiva.
Así, o Palacete das Mendoza en outubro recibiu preto de mil visitantes, dos que o 60% eran nacionais, principalmente de Madrid, Barcelona e Valencia.
O 40% das visitas foron internacionais, destacando as procedencias de Alemaña, Francia e Estados Unidos.
Os castelos de Soutomaior e Sobroso sumaron 1.338 visitas
Pola súa banda, as rutas de peregrinación que atravesan a provincia rexistraron 16.615 peregrinos, distribuídos principalmente entre o Camiño Portugués, que foi a ruta máis elixida; e polo Camiño Portugués pola Costa, seguidos polo Camiño de Inverno e pola Vía da Prata.