Rexurdir recibe unha axuda da Xunta para o seu programa de Atención Xurídico Social

Pontevedra
30 de marzo 2025
Actualizado: 11:24

Ao abeiro deste convenio, o pasado ano foron atendidos por esta asociación un total de 121 usuarios

O conselleiro de Sanidade e a presidenta da Asociación Rexurdir Provincial
O conselleiro de Sanidade e a presidenta da Asociación Rexurdir Provincial / Xunta de Galicia

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a presidenta da Asociación Rexurdir Provincial, Ángeles Guisán Seijas, veñen de asinar un convenio de colaboración polo que a Xunta achegará 27.336 euros á asociación pontevedresa para que poidan desenvolver de programas de incorporación social a pacientes con trastornos adictivos.

Ao abeiro deste convenio, o pasado ano foron atendidos por esta asociación un total de 121 usuarios, dos que 94 eran homes e 27 mulleres.

As iniciativas no ámbito da incorporación social desenvolveranse a través do Programa de Atención Xurídico Social que deberá ser dirixido á atención integral das persoas con trastornos adictivos e problemática legal engadida, prestándolles axuda técnica en relación a trámites xurídicos.

A prestación dos mencionados servizos levarase a cabo por parte dos profesionais que integran os equipos nos diferentes dispositivos da asociación.

No presente ano, a Xunta destinará 447.000 euros ao desenvolvemento no conxunto de Galicia do Programa de Atención Xurídico Social que no ano 2024 posibilitou axudar a 1.995 persoas grazas a sete asociacións sen ánimo de lucro.

Tal e como se recolle no convenio asinado, a asociación Rexurdir Provincial comprométese a cumprir as directrices e instrucións de coordinación e programación dispostas polo Servizo Galego de Saúde a través da Subdirección Xeral de Atención á Saúde Mental, coordinándose, ademais, con outros centros, servizos e programas recollidos dentro do Plan de Galicia sobre Drogas.

O perfil social destas persoas é variado, pero gran parte delas presentan dificultades adicionais para a súa incorporación social, ao estar incursas en procedementos xudiciais que poden comportar un ingreso en prisión e dificultar así os seus procesos de recuperación.

As complexas situacións e circunstancias derivadas das adiccións necesitan de instrumentos de asesoramento e orientación técnica e profesional por un equipo multidisciplinar e experto na materia, para prestar cobertura en todas as situacións persoais, sociais e xudiciais nas que se vexan involucrados, optimizando a canalización do usuario ao recurso da rede asistencial máis adecuado.

En consecuencia, a través deste convenio facilítase a atención integral ás persoas con condutas aditivas e problemas legais, proporcionado cobertura de apoio e documental ao ámbito xudicial (xulgados, comisarías, prisións…), tanto a usuarios como a xuíces, fiscais, avogados e á propia institución penitenciaria. 

Así mesmo, dito programa actúa como porta de entrada nos recursos clínico-asistenciais.