As oficinas do Rexistro e do Padrón de Habitantes continuarán a atención presencial a partir do luns 25 de maio, unha vez que as oficinas se adaptaron ás normas de seguridade que establece o estado de alarma.
As persoas que precisen acudir a estes servizos deberán solicitar cita previa a través do teléfono 986 85 03 37. A atención presencial será no edificio da Casa da Luz, situado na Praza da Verdura. Este traslado débese ás obras que se acometen na planta baixa do edificio do Concello en Michelena 30, uns traballos que durarán ao redor de dous meses.
O horario de atención ao público que solicitase cita previa será de 09.00 a 14.00 horas. Reservarase tamén un horario preferente para persoas de máis de 65 anos establecido entre as 13.00 e as 14.00 horas.
Os horarios das citas serán orientativos pero desde o goberno local sinalan que se tentará axustar o máximo posible para evitar as aglomeracións de cidadáns nas inmediacións da Casa da Luz. A espera deberá realizarse fóra das instalacións municipais.
O acceso a estes servizos realizarase de forma individual e sempre mantendo a distancia de seguridade de dous metros en relación a outras persoas. O Concello recomenda acudir con máscara e luvas.
O aforo máximo permitido nas instalacións será de 20 persoas, entre as que se inclúen os traballadores municipais.