Ata duascentas alegacións presentaron os veciños de Campo Lameiro contra o parque eólico que impulsa a compañía Greenalia, coñecido como Touriñán III-2.
Este parque, que tamén ocupa monte dos concellos de Cuntis e A Estrada, afectaría "gravemente", según os opositores, aos montes comunais da Armonda, A Lamosa, Muimenta e Painceiros.
Este movemento veciñal mantense firme en que non está en contra dos eólicos pero con proxectos de "baixo impacto", que non sería o caso do deseñado para Campo Lameiro.
Touriñán III-2 estaría, segundo os afectados, moi preto de núcleos de poboación e afectaría á rede de abastecemento de auga ou a bens patrimoniais de gran valor, entre eles o propio parque arqueolóxico da arte rupestre, un humidal ou as Brañas de Xestoso.
"As fontes de enerxía renovable son un piar no que debemos incidir mais non pode ser a costa de impactar negativamente na poboación residente nas zonas de implantación", afirman os veciños, que denuncian a falta de transparencia nestes "megaproxectos" que destrúen o medio rural.
Os afectados, xunto coa recollida de sinaturas e alegacións, iniciaron unha campaña de mobilizacións que, o próximo mércores 13 de xullo, levaraos a unha visita ao refuxio da Conla, en Painceiros, para a observación da lúa chea.
Trátase dun xeito de dar visibilidade á zona que se verá afectada, ao impacto que producirá "e ás oportunidades das que se nos vai privar", segundo denuncia a plataforma veciñal.