O Concello de Pontevedra trasladará un informe desfavorable á Xunta de Galicia sobre a petición remitida pola administración autonómica na que Ence solicita a modificación do plan sectorial de incidencia supramunicipal vixente desde 2012 para a fábrica de Lourizán.
Con esta acción, a empresa pasteira quere legalizar a planta de coxeración de enerxía e introducir modificacións para eliminar as balsas de decantación, explicou a concelleira Carme da Silva, que lamentaba tanto que a Xunta admitira este trámite e que a dirección da empresa presente unha solicitude baseándose na prórroga concedida polo Goberno de Rajoy en 2016, anulada pola Audiencia Nacional á espera da resolución dos recursos por parte do Tribunal Supremo. A concelleira afirma que esta acción Ence busca "seguir enredando con malas mañas á sociedade e aos traballadores. O triste é que se fai coa connivencia do PP na Xunta".
A petición entraba en novembro e os diferentes servizos do Concello elaboraron informes urbanísticos, de ordenación do territorio, e xurídicos que rexeitan esa petición. Alegan nestes informes, entre outras cuestións, que existe inconcreción na documentación; aparece un incremento do volume, altura e ocupación do espazo de dominio público que ocupa actualmente a instalación; non figuran parámetros de augas residuais que vai a verter Ence; faltan previsións da rede separativa de pluviais; infrinxe o regulamento de uso de verteduras na rede de saneamento; non figura unha análise de riscos nin un estudo de caudal de auga nin tampouco sobre os problemas de ruídos actuais, con varios expedientes abertos, segundo afirmou Carme da Silva.
A representante municipal culpou á Xunta por trasladar esta solicitude ao Concello: "isto non se lle tramitaría a ninguén" para apuntar ao "conchabeo que hai entre o PP e Ence". Da Silva convidou á dirección da empresa para traballar noutras alternativas para garantir os postos de traballo e deixar de buscar "manobras de confusión permanente coa sociedade" porque, alegou que saben que o seu futuro non está en Lourizán.