A veciñanza de Cerdedo volveu saír á rúa para amosar o seu rexeitamento aos dous parques eólicos promovidos por Naturgy no municipio, Campo das Rosas e Porto Vidros, que está a tramitar a Xunta de Galicia. Foi cunha masiva manifestación celebrada este domingo.
A marcha comezou na Praza do Concello e, posteriormente, percorreu un treito da estrada nacional N-541, que a Garda Civil tivo que cortar ao tráfico para a ocasión.
No manifesto que se leu durante a manifestación, os convocantes aseguraron estar "moi preocupados" polo estado de tramitación dos dous parques e instaron á Xunta a que "teña en conta a nosa opinión" polas consecuencias negativas que provocarían na zona.
As comunidades de montes de Quireza, Pedre, Chamadoira, Corredoira e San Bernabé, propietarias dos terreos afectados, acordaron rexeitar a súa construción "por supoñer un grave prexuízo para a vida nas nosas aldeas".
Entre outros motivos esgrimidos polos afectados, citan a excesiva proximidade dos aeroxeradores ás vivendas, a afección aos mananciais e traídas que abastecen ás aldeas, as grandes extensións de terreo afectado polas poligonais dos parques eólicos ou o despregamento de liñas eléctricas de alta tensión rodeando os núcleos de poboación.
De aí que fagan unha fronte común, á que se sumaron asociacións de veciños, colectivos ecoloxistas e toda a corporación municipal, "para defendernos desta agresión medioambiental e contra a vida no rural das compañías enerxéticas, que só responden a balances económicos, sen consideración polas persoas que habitamos o territorio ou polo medio ambiente".
A "avalancha" de proxectos que se impulsan na comarca, con máis de trinta parques en diferentes fases de tramitación, advertiron os manifestantes, "suporá a devastación de practicamente todo o territorio con consecuencias nefastas para o noso futuro".
"Non estamos en contra da enerxía eólica nin da existencia de parques eólicos, pero hai alternativas máis xustas que non se queren desenvolver", sinalan os afectados, que reclaman que "non queremos ser un territorio de usar e tirar en mans das empresas enerxéticas".
Aseguran que seguirán a mobilizarse para "impedir que sigan a destruír a nosa terra e a condenar a morte o rural galego".