"Esta noche lo somos todo", prometeu Eva Amaral cando apenas levaba uns minutos sobre o escenario e xa se meteu ao público no peto cunha soa canción. "Sin ti no soy nada", un dos seus himnos máis reproducidos, obrou unha especie de magnetismo sobre o recinto feiral de Pontevedra que permaneceu durante a súa hora e media de actuación. Por 90 minutos, o Rio Verbena Fest e os de Zaragoza foron un, foron todo.
Coas entradas esgotadas, o aforo de 9.000 persoas completo e as ganas de música xa adestradas da noite anterior, o segundo día de concertos del Río Verbena tiña todos os ingredientes para ser un éxito. Acreditouno o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que pola tarde falou de "éxito indiscutible" e confirmárono xa desde media tarde as mareas de espectadores que se achegaron ao recinto.
Pero se houbo un momento cume da noite foi o concerto de Amaral, punto de encontro interxeracional que fixo bailar, saltar, gritar e mesmo chorar a fans incondicionais e a aqueles que, sen selo, en realidade corearon todas as súas letras e, a medida que avanzaba o concerto, fixeron un repaso á súa propia historia persoal a través da historia do dúo de Eva e Juan.
Eva Amaral confesou o seu "vínculo muy especial" con Galicia e logrou un vínculo igual ou máis especial co público facendo un repaso polos seus 25 anos de música e por algún tema do seu último disco, Rompehielos, empezando polo primeiro single que dá nome ao álbum.
Avanzou a cantante que chegara "a pasar toda la noche en la calle" e coa canción homónima trasladou a un auditorio entregado as ganas de que a noite non acabase nunca ao ritmo de temas clásicos como 'Días de verano' ou 'Moriría por vós', esta última dedicada ao "fucking Nicolas Cage".
Houbo tempo para bailar, pero tamén para reivindicar. Acordouse da atleta Ana Peleteiro e, cun xogo de palabras relativo á súa especialidade, os saltos, e aos ataques racistas que volveu a recibir este verán, pediu ao público: "Salta, como Ana Peleteiro, por encima de cabezas huecas".
Na particular "revolución" musical que logrou desde o escenario -unha "luz cegadora" como reza a letra da súa canción 'Revolución'- a artista interpretou un dos seus temas que se converteu en lema, neste caso, contra a violencia de xénero, 'Salir corriendo'. Dedicoullo "a todas las mujeres que se deciden a dar un paso, el primer paso de salir corriendo de sus agresores".
O seu compañeiro, Juan Aguirre, irrompeu tamén para recomendar ao público o concerto que os seguía, o de Sarria, "un artista que es flipante" e, tras ver brillar o seu nome na outra punta do recinto, "solo quería recomendarlo".
Cunha posta en escena que combinou luces e cunha sucesión de imaxes e unha Eva que se comeu o escenario, a "noche inolvidable" de Amaral concluíu coas sempre presentes 'Mis amigos' e 'El universo sobre mí'.
Eva Amaral: "Salta, como Ana Peleteiro, por encima de cabezas huecas"
Foi o momento da noite con máis espectadores vibrando ao mesmo tempo, pero non o único no que o recinto feiral entregouse. A tarde foi subindo de ritmo aos poucos, desde Law e Mamasunción ata Nebulossa, un dos momentos máis esperados con fans de Eurovisión chegados de toda Galicia desexosos de escoitar a súa 'Raposa'.
Seguíronlle as versións dos pontevedreses Black Stones e, para cando saltaron ao escenario Los Zigarros co seu tema 'Rock Rápido', xa o recinto estaba cheo. Cando pediu "me gustaría que los que se lo están pasando bien digan ouhhh yeahhhh", o berro foi contundente no recinto.
"¿Viste a los chavales con gafas de rock Molidos a palos prender la ciudad?", comnzou Alcalá Norte, con 'Los chavales', terceiro e último adianto do seu álbum de debut. E co seu rock alternativo deu paso á "revolución" de Amaral.
Moi altas quedaron as revolucións tras os de Zaragoza e tomou a substitución Sarria, unha das grandes promesas do rock español que xa recomendara Juan Aguirre e logrou un movemento en masa de espectadores entre escenarios.
'Salir corriendo', unha canción dedicada "a todas las mujeres que se deciden a dar un paso, el primer paso de salir corriendo de sus agresores"
Cando a noite pensábase que xa estaba completa e servida, con todo, chegou outro dos cabeza de cartel para seguir subindo o nivel, Lori Meyers. Os de Granada chegaron a lamentar que o público xa o dera todo con Amaral, pero, a medida que avanzou o seu show tamén eles lograron esa comuñón co auditorio e puxérono a bailar e gritar.
Con 'Seres de luz' quentaron motores, elevaron o ritmo con 'Luces de neón', pero con 'Planilandia' o seu cantante, Noni, aínda non lograra esa entrega máis aló do foso á que está afeito, así que non dubidou en pedir: "¿nos vamos animando?". Non o logrou coa súa seguinte balada, 'Impronta', pero si ccon 'Luciérnagas y mariposas'.
O repaso aos seus temas máis míticos combinouse con novas cancións como o seu último single, 'Tú ya no dices nada', no que 'Noni' compartiu escenario coa gaditana Manola. E, ao ritmo de 'El tiempo pasará' e de repetir "una y otra vez", empezaron a saír conffeti, serpentinas e as ganas de bailar do público.
Con 'Siempre brilla el sol' e 'Emborracharme' consolidou esa entrega. Mesmo lle pediu ao público, "ahora, a trabajar", para que corease só o retrouso mentres a banda brindou cunha copa de viño branco. Xa conquistara aos espectadores e mantívoos no alto baixando ao foso e cunha traca final de 'Mi mundo es mi realidad' y 'Alta fidelidad'
A entrega do auditorio non foi tan alta como está afeita esta banda, e o propio 'Noni' recoñeceuno. Entre o público, tras bailar cunha fan e saír do foso cara ao recinto, avanzou: "la próxima vez vamos a poner por contrato tocar antes de las 12". A petición produciu efecto e tamén a súa petición"yo creo que podemos gritar un poco más" cos últimos acordes de 'Alta fidelidade'.
Quedaba aínda o colofón da última xornada de Río Verbena Fest e chegou da man da música experimental electrónica influenciada por ritmos tradicionais galegos de Baiuca e o tamén son electrónico experimental de Galician Army. Despedida coa mirada posta xa en 2025.