Todos os sistemas de calefacción do colexios pontevedreses están a ser revisados para comprobar o seu funcionamento. Os traballos, encargados pola concellaría de Educación, teñen un custe aproximado aos 20.000 euros.
Máis alá das pequenas avarías e reparacións non se teñen rexistrado incidencias. Esta revisión preventiva das instalacións, todas elas de gasoil, garante o seu correcto funcionamento ata o próximo curso.
Estes traballos realizáronse en todos os centros de Educación Infantil e Primaria do Concello de Ponteevdra.
O concelleiro Agustín Fernández destacou, non obstante, que unha parte das caldeiras teñen xa case 30 anos e están a piques de esgotar a súa vida útil. Ao Concello correspóndelle, dentro do actual reparto de competencias, o mantemento e conservación.
Neste sentido, o goberno municipal está elaborando un informe para entregar á Consellería de Educación para que vaia planificando o investimento necesario. Ao tratarse de investimento novo, o gasto corresponde a este departamento da Xunta de Galicia.