O ministro de Transportes, Óscar Puente, compareceu este mércores nunha intervención monográfica sobre a autoestrada AP-9 no Congreso dos Deputados.
Óscar Puente asegurou que "o encaixe económico e xurídico" da transferencia da autoestrada a Galicia "é tremendamente difícil" xa que pertence á rede de estradas do Estado por percorrer un itinerario de interese xeral, incluído tamén noutro de tráfico internacional e interese europeo xa que serve de acceso cara a Portugal e conecta varios aeroportos.
Tamén descartou unha bonificación do cento por cento "porque na práctica equivalería a rescatala, o que é inasumible tendo en conta que a concesión se estende até o ano 2048".
O ministro confirmou que a semana pasada deuse luz verde á declaración de urxencia do procedemento para dispor canto antes das cantidades destinadas ás bonificacións da AP-9 ao prorrogarse os Orzamentos Xerais do Estado.
O titular de Transportes lembrou que o Estado destina cada ano uns 55 millóns de euros para bonificar a AP-9, o que suporá uns 2.300 millóns de euros até finalizar o prazo da concesión, no ano 2048.
A pesar do dito polo ministro, o Pleno do Congreso aprobou unha iniciativa do BNG na que esixe o Executivo central a supresión das peaxes e a anulación da prórroga de 25 anos da concesión. Esta proposta do Bloque reuniu o apoio de Partido Popular, Sumar e ERC, a abstención do PNV, Junts e UPN e o voto en contra do Partido Socialista e de Vox.
O BNG tamén reclamou ao Goberno de Pedro Sánchez que elabore un estudo sobre o custo de rescatar a AP-9 e levar a cabo a transferencia a Galicia desta autoestrada. Esta parte da iniciativa contou co voto a favor do PSOE e unicamente votaron en contra os deputados de Vox.