Preto de hora e media estiveron reunidos este mércores o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, para analizar as principais actuacións que ambas as administracións teñen en marcha na provincia.
Foi unha reunión "moi fluída e positiva", sinalaron ambos os dirixentes, na que abordaron, entre outros asuntos, a rehabilitación integral do convento de Santa Clara, á que o goberno galego contribuirá cunha achega económica de 6 millóns de euros.
López pediu a Rueda que a Xunta axilice os trámites relativos aos permisos de Patrimonio, para que a obra empece a finais deste ano. Para iso, as dúas administracións planificarán "conxuntamente" estes traballos para que o emprego dos fondos sexa "máis eficiente".
Onde non haberá colaboración, polo menos por agora, é na reforma dos edificios centrais do Museo, xa que o presidente galego sostivo que "hai que ser serios", xa que considera que "antes de acometer novos proxectos hai que dejxar asentados o que temos comprometido".
Con respecto á "segunda vida" do Pazo de Lourizán, Alfonso Rueda sinalou que o xurado do concurso de ideas para a súa rehabilitación, na que a Xunta investirá 18 millóns, seleccionou xa as oito propostas finalistas.
Agora, cada un destes finalistas deberán facer "propostas concretas" para este espazo, para que o xurado poida avalialas e elixir o gañador, que redactará o proxecto básico de execución dunhas obras que, segundo Rueda, empezarán a principios de 2025.
Ademais, ambas as administracións constituirán unha comisión técnica para estudar o intercambio de titularidade en diversas estradas da provincia e establecerán unha alianza para contribuír á promoción do destino turístico Rías Baixas e do Camiño de Santiago.
O goberno galego estudará tamén colaborar na organización da próxima Bienal de Arte de Pontevedra e pediu á Deputación a súa colaboración para axilizar a conexión dos novos parques empresariais en desenvolvemento, entre eles Fragamoreira, á rede viaria provincial.
A adquisición do Cine Fraga en Vigo, que ambas as institucións queren converter nun centro cultural de referencia, custará 9,3 millóns de euros e, segundo o presidente galego, a Xunta quedará con 51% da propiedade, mentres que a Deputación será a titular do 49% restante.
De maneira paralela á compra do teatro, ambas as partes traballarán na redacción do plan de usos culturais do antigo cinema, para o que Rueda prometeu que "escoitaremos a todo o mundo" porque será un centro "importantísimo" para toda a provincia.
O titular da Xunta agradeceu, por último, o apoio da Deputación de Pontevedra ao manifesto que reclama aos gobernos de España e Portugal que cumpran os prazos para o AVE entre Vigo, Porto e Lisboa, para o que prometeu "estar vixiante".
Portugal prometeu que a conexión ata a fronteira con Tui estará lista en 2032, polo que Rueda espera que o goberno español cumpra o pactado. "Quedan oito anos, pero para todo o que hai que facer os meses non sobran", sentenciou.
"Pontevedra sempre encontra en Rueda ao mellor aliado para afrontar os seus retos e atopar solucións ás grandes necesidades da provincia", valorou Luis López tras a reunión, na que tamén acordaron renovar os convenios no medio rural ou emerxencias.
Sobre a mesa quedaron, entre outras cuestións, novas transferencias de centros de titularidade provincial á Xunta, como Príncipe Felipe, O Areeiro ou a Finca de Mouriscade, que se analizarán cando se complete a transferencia dos centros educativos de Príncipe Felipe.