O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, convocou unha reunión de portavoces dos distintos grupos municipais con representación na corporación para abordar a situación que consideran "preocupante" do servizo sanitario no centro de saúde do municipio durante este verán.
Ao encontro asistiron Roberto Rivas, portavoz do BNG, José Sanmartín, portavoz do PSOE, e Eduardo Ruadas, portavoz do PP, coa única ausencia do portavoz de PX’s, José Antonio Landín.
Na reunión, constatouse unha preocupación unánime pola deficiente atención sanitaria que se está a prestar en Barro, segundo informan desde o Concello.
A situación vén agravándose ano tras ano, indican, xa que non se cobren as vacacións dos profesionais de medicina de familia, o que provoca que cando un dos titulares está de vacacións, o outro profesional debe facerse cargo da totalidade da poboación, xerando retrasos e complicacións na atención.
Este ano, a situación empeorou debido á recente xubilación dun dos profesionais, deixando o centro de saúde cunha soa médica.
Cando a traballadora non está dispoñible, o centro queda practicamente desatendido, denuncian desde o Concello, xa que só se envía unha persoa a media xornada para atender todos os pacientes, o que fai que só se poida dar cita a un número moi limitado de solicitudes.
Como consecuencia, moitos veciños e veciñas vense obrigados a desprazarse ao PAC de Pontevedra para recibir atención médica.
Ante esta situación, o alcalde e os portavoces municipais acordaron dirixirse á xerencia da Área Sanitaria Pontevedra-Salnés para solicitar a cobertura urxente e definitiva da praza vacante por xubilación.
Ademais, solicitarán que, no caso de que se volva producir unha situación na que ningún dos facultativos titulares poida prestar servizo, a persoa substituta sexa contratada a xornada completa e non parcial, para poder atender o maior número de citas posibles e garantir unha atención de calidade para a poboación de Barro.