A poboación da parroquia da Canicouva pode festexar este mércores que finalmente non perderá o servizo de autobús que comunica coa cidade de Pontevedra. Despois de que este luns o transporte se suspendera de forma sorpresiva e sen previo aviso, xerando problemas para as persoas usuarias, acaba de acordarse que se retoma e que non volverá interromperse.
O concelleiro delegado da parroquia da Canicouva, Raimundo González, confirmou que este mércores mantivo unha reunión coa empresa concesionaria, Monbus, e co departamento de Transportes da Xunta de Galicia, para falar "dos últimos incidentes no servizo" por esa suspensión do luns.
Esta reunión foi "moi positiva", segundo valorou o concelleiro. O primeiro resultado foi que "se acordou manter o servizo" e o segundo, que "non se suprime ningunha liña das existentes". Así, o servizo vaise seguir prestando nas mesmas condicións, isto é, tamén coas mesmas frecuencias, 9 viaxes durante a semana, 4 o sábado e 2 o domingo.
Ademais, nesa reunión acordouse que o servizo tampouco se vai interromper cando as obras da autovía A-57 obriguen a cortar a estrada EP-001, a vía de acceso á Canicouva desde Figueirido pola que circula a liña de autobuses afectada.
Así, Raimundo González asegura que, no futuro, cando sexa necesario cortar o vial como consecuencia das obras da A-57, manteranse "itinerarios alternativos" para este autobús, de tal maneira que os usuarios "sempre teñan a posibilidade de trasladarse en transporte público a Pontevedra ou de Pontevedra á Canicouva",
Unha vez que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana informe da data do peche da vía para realizar as obras da A-57, deseñarase unha ruta alternativa do autobús para conectar a estación coa parroquia da Canicouva e seguir prestando servizo.
O Concello sinala que mantén contactos co ministerio para determinar cando será necesario realizar ese peche para que se prolongue o menor tempo posible. Mentres, ten a garantía da Xunta e da empresa de transportes de que se manterá o servizo á parroquia de Canicouva. De todos os xeitos, seguirase mantendo vixiante e en contacto cos usuarios.
A liña XG 62805 Canicouva - Pontevedra estación de autobuses funcionou sen problemas ata este luns 4 de xullo, cando a empresa decidiu suspender o servizo, provocando que as persoas usuarias quedaran sen transporte sen saber nada ata uns minutos antes da saída do autobús ou mesmo cando estaban a bordo e os obrigaron a baixar en Figueirido en lugar de chegar ata a súa parada habitual. Tiveron que camiñar varios quilómetros para chegar ás súas casas.
Raimundo González explica que durante a reunión celebrada este mércores, á que tamén acudiu o director xeral de Infraestruturas do Concello, Jesús Gómez Viñas, confirmouse que o servizo foi cancelado "unilateralmente" pola empresa concesionaria ao coñecer que se ía producir un futuro peche da vía para executar a obra da A-57, sen ter avisados aos usuarios nin coñecerse, aínda, a data do peche.