No autobús accidentado en Pedre (Cerdedo-Cotobade) en Noiteboa non ían oito persoas, senón nove. Así o confirmaron este luns fontes da investigación, o que obrigou ás autoridades a retomar o operativo de rescate que se dera por finalizado.
Trátase dunha muller duns 50 anos sen arraigamento familiar, por iso é polo que ata agora non se sabía da súa existencia e non a estaban a buscar. Este luns confirmouse que si que viaxaba no autobús porque é amiga da pasaxeira que sobreviviu xunto co condutor.
Esta muller está ferida e permanece ingresada na UCI do Hospital Montecelo de Pontevedra, pero o seu fillo dixo ás Forzas de Seguridade que faltaba a amiga e compañeira de viaxe da súa nai, que ía cear con ela en Noiteboa.
Tras unhas horas de procura, pasadas as 11.30 horas deste luns o helicóptero da Garda Civil puido ver o corpo e agora poderase rescatar
O operativo de rescate das vítimas da caída dun autobús ao río Lérez dérase por concluído na tardé do domingo tras a aparición do corpo sen vida dunha sexta persoa.
As autoridades suspenderon entón os labores dos servizos de emerxencia cun balance de seis vítimas mortais e dous sobreviventes, o condutor e unha pasaxeira, segundo informaron fontes do dispositivo.
O condutor do autobús declarara nun primeiro momento que no vehículo viaxaban 9 persoas mostrando algunhas dúbidas coas persoas que se incorporaron nas paradas, con todo, co reconto das familias que se puxeron en contacto con emerxencias e, ante a falta de máis denuncias de desaparición, os investigadores o domingo optaron por pechar provisionalmente o operativo de rescate.
Con todo, esta mañá, segundo informou o 112 "ante a sospeita de que outra persoa puidese estar entre os pasaxeiros do autobús" reactivouse o operativo de recate coa intervención da Garda Civil, Protección Civil de Cerdedo-Cotobade.