Retoman as escavacións no xacemento da Lanzada para poñer en valor todo o conxunto

Sanxenxo
20 de xullo 2016

O obxectivo desta actuación, que forma parte dun protocolo asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento para a posta en valor dos xacementos galaico-romanos na provincia, é a recuperación patrimonial de todo este ámbito, no que se deixou de traballar hai anos, ampliar a zona de visitas e escavar a área romana para aclarar as cronoloxías

Traballos de escavación no xacemento arqueolóxico da Lanzada
Traballos de escavación no xacemento arqueolóxico da Lanzada / Mónica Patxot

Un equipo formado por máis de 20 especialistas en arqueoloxía participan desde este mércores nos traballos que se desenvolverán ata o mes de novembro no xacemento romano da Lanzada.

O obxectivo desta actuación, que forma parte dun protocolo asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento para a posta en valor dos xacementos galaico-romanos na provincia, é a recuperación patrimonial de todo este ámbito, no que se deixou de traballar hai anos, ampliar a zona de visitas e escavar a área romana para aclarar as cronoloxías.

O arqueólogo da Deputación, Rafael Rodríguez, destacou a relevancia do xacemento da Lanzada, "ocupado desde o século VIII a.C. ata o século X d.C. e no que se sitúa a primeira factoría de salgados do noroeste".

En canto á intervención arqueolóxica, explicou que "se centrará no que parecen dúas ocupacións da época romana do século I d.C. e III d.C." pero tamén se realizarán varias sondaxes para definir a extensión do xacemento, comprobar se só era unha factoría de sal, un castro diferente por non ter defensas, unha vila romana ou un punto de control marítimo, así como tratar de localizar o Mosteiro de Santa María de Lanceaca, do século VIII d.C.

A Lanzada, segundo os técnicos, é un xacemento moi interesante para coñecer o mundo da Idade de Ferro no noroeste peninsular e a importancia das relaciones comerciais que desde alí se establecían, que situaban ao asentamento nos circuítos comerciais daquel momento.

Neste eido, nas intervencións realizadas ata o de agora, atopáronse restos situados entre a Idade de Bronce e do Ferro, tamén achados de cabanas de madeira con recuberto de pallabarro, construcións de mampostería de plantas circulares e anguladas, así como restos de edificacións cuadrangulares e de plantas complexas, dunha necrópole dos séculos III-IV d.C. ou dunha fortificación para a defensa da costa contra as invasións normandas do século X d.C.

Na visita que fixo acompañada do alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, e o presidente dos comuneiros de Noalla, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que espazos como o campo da Lanzada demostran que "somos un pobo cunha longa historia, que desenvolvíamos actividades comerciais de grande envergadura, comerciando con puntos do Mediterráneo como Palestina, Italia ou Tunisia".

Ademais, Silva manifestou que "todo o que aquí se vai descubrir porá en valor a nosa historia, como vivíamos, a que nos dedicábamos, cales eran as nosas formas de relacións sociais e económicas", de forma que se vai a triplicar o espazo actualmente escavado e permitindo que os visitantes poidan ver en primeira persoa "como recuperamos a nosa historia e reconstruímos a nosa identidade".

O alcalde de Sanxenxo, pola súa banda, fixo fincapé na importancia desta actuación "para a dinamización turística do noso concello e para poñer en valor o que pasou aquí desde hai milleiros de anos".