Retiran tres toneladas de pneumáticos dos fondos da Illa de Arousa

O Salnés
27 de xuño 2021

Máis de 40 mariscadoras e pescadores da Confraría da Illa de Arousa e persoas voluntarias convocadas pola Obra Social de Abanca participaron nunha xornada de limpeza dos fondos mariños

Xornada de limpeza dos fondos mariños na  Illa
Xornada de limpeza dos fondos mariños na Illa / Afundación

Máis de 40 mariscadoras e pescadores da Confraría da Illa de Arousa e persoas voluntarias convocadas pola Obra Social de Abanca participaron este sábado nunha xornada de limpeza dos fondos mariños enmarcada no Proxecto Plancto impulsado por Afundación.

Nesta ocasión, os traballos centráronse na retirada de defensas e fondeos para os barcos, xa en desuso, que se atopaban en distintos areais. 

En total conseguíronse retirar ata tres toneladas residuos, principalmente pneumáticos que realizaban esta función de defensa das embarcacións durante as manobras de atracada, pero tamén algunhas áncoras, nasas, boias, redes, cabos e cordas e ata un contedor.

Trátase duns residuos que ademais do impacto ambiental inciden na actividade económica ao dificultar a actividade marisqueira.

A actividade desenvolveuse en varios areais, entre eles Semuíño, Carboeira, Campo, Sapeira e Varadero.