O Concello de Caldas de Reis retirou este xoves da Rúa Real a caseta da Oficina provisional de Turismo logo do peche da tempada de atención ao público.
O tenente de alcalde Manuel Fariña anunciou que "está garantido" que o vindeiro ano a información turística se facilitará "de maneira estable e permanente" dende un dos baixos dos edificios existentes. Este trámite "está moi avanzado".
A instalación da caseta na Rúa Real foi unha medida temporal co fin de comprobar o seu funcionamento na contorna do Camiño de Santiago antes de pechar a decisión do novo emprazamento.
"Os datos demostran que foi un acerto total", dixo Fariña. "Ademais, estase a cumprir a miña palabra de que a sede definitiva estará no mesmo lugar, pero xa cunhas dependencias máis amplas, coidadas e de mellor calidade", destacou o concelleiro nacionalista.
Segundo as estatísticas realizadas polo persoal técnico da oficina de Turismo, o traslado da zona da Tafona á Rúa Real deu mellores resultados que os agardados e conseguiu bater a cifra récord de 10.000 visitas na tempada activa entre os meses de agosto e novembro.
No mes de xullo, cando aínda estaba na Tafona, a afluencia de turistas á caseta informativa apenas chegou ás 600 persoas, cifra que se quintuplicou nos seguintes meses: superando as 3.000 persoas en agosto e 3.500 en setembro na oficina provisional da Rúa Real.
No mes de outubro acadou preto de 2.000 consultas e no de novembro, as 1.000.
Lembra Fariña que unha das principais queixas sinaladas polas persoas que visitaron Caldas foi a localización e mala sinalización da oficina cando aínda estaba na Tafona.
"Agardamos que a experiencia de visita mellore moito o próximo ano", cando xa haberá un novo emprazamento e "unhas dependencias axeitadas e definitivas", afirmou Manuel Fariña.