Retiran os restos da balea que a borrasca Kirk arrastrou ata a praia de Pampaído

Sanxenxo
10 de outubro 2024

O goberno municipal lamenta que, a pesar de que a balea leva morta máis dun mes no mar, teña que ser o Concello o que se encargara de retirala "co conseguinte gasto que supón"

Traballos para a retirada da balea aparecida en Pampaído
Traballos para a retirada da balea aparecida en Pampaído / Concello de Sanxenxo

Tras catro horas de traballo, os restos da balea que a borrasca Kirk deixou varada este mércores na praia de Pampaído, en Sanxenxo, foron trasladados a unha planta de residuos especiais.

Operarios da empresa Transbeyno foron os encargados do despezamento do cetáceo, unha exemplar femia de aproximadamente quince toneladas e dezaoito metros de longo, para poder introducilo no camión e levalo a esas instalacións.

Así, utilizando motoserras eléctricas, dous operarios comezaron o traballo ao redor do once da mañá, coincidindo coa marea baixa, cortando a balea en anacos de aproximadamente 1.200 quilos.

A continuación, cargaronos un por un no guindastre e trasladáronos ao camión que a Consellería de Medio Ambiente puxo a disposición para o traslado do animal, que estaba estacionado a 40 metros do areal.

O custo destes traballos, que financiou o Concello, rolda os 3.000 euros.

O goberno municipal lamenta que, a pesar de que a balea leva morta máis dun mes no mar, teña que ser o Concello o que se encargara de retirala "co conseguinte gasto que supón".

"Hoxe tocounos a nós pero outro día tócalle a outro", lamentou o edil de Medio Ambiente, Yago Torres, que considera que "o lóxico e o máis seguro para a navegación" sería retirar a balea cando estaba no mar.

O Concello tivo coñecemento da existencia da balea nas proximidades da costa de Sanxenxo o pasado sábado e comunicoullo a Salvamento Marítimo ante o risco dun accidente cunha embarcación.

Finalmente, a borrasca Kirk arrastrou o cetáceo a terra, en avanzado estado de descomposición e provocando un forte cheiro perceptible desde metros de distancia.