O Concello de Pontevedra retirou "inmediatamente" as porterías das pistas deportivas situadas xusto debaixo do parque do Miradoiro de Monte Porreiro nas que o pasado domingo se produciu un accidente ao caer unha delas sobre un neno de dez anos.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, explicou este mércores, ao remate da Xunta de Voceiros, que habitualmente xa se fan controis das instalacións deportivas e, neste caso, unha vez que se tivo coñecemento do sucedido e do informe da Policía Local sobre os feitos "o que se fixo foi retirar inmediatamente as porterías".
A Policía Local de Pontevedra acudiu o domingo ás pistas en resposta a unha chamada cidadá. Xa nese momento, procedeuse a precintar as dúas porterías para evitar novos incidentes.
Ademais, os policías fixeron un informe que foi trasladado ao servizo municipal correspondente, que foi o que decidiu a retirada.
Agora, segundo informou Eva Vilaverde, vanse revisar todas as porterías. "Hai que ver que, por suposto, todas estean nas condicións que deben estar e revisaranse", explicou.
O informe policial, ao que tivo acceso PontevedraViva, confirma o "mal estado" das dúas porterías do campo de fútbol, situado na rúa Dinamarca. Así, presentan "moito óxido nas unións das escuadras cos soportes ou coas bases" e a portería que caeu sobre o neno foi "por tal motivo".
O informe considera "axeitado" a reparación ou substitución das porterías.
O incidente ocorreu sobre as 21.00 horas do domingo. Había un grupo de nenos xogando cando unha das porterías das pistas de fútbol caeu sobre un neno e, segundo relatou o seu pai, "atrapoulle o pé". O neno foi trasladado Urxencias, onde lle fixeron unha placa e descartaron que lle provocase algunha fractura.
O pai do neno presentou un escrito no rexistro municipal pedindo que "se arranxen as porterías" e que se proceda ao "acondicionamento e iluminación das pistas onde xogan os nenos, pois o susto puido ser peor".