Máis de 60 estudantes do IES As Bizocas do Grove participaron durante a mañá deste venres nunha intensa xornada de voluntariado ambiental na praia grovense de Area da Cruz, onde se dedicaron a eliminar especies exóticas invasoras.
A actividade, centrada na retirada de Carpobrotus edulis, coñecida como uña de gato, e Wisteria sinensis, serviu para colleitar máis dunha tonelada de vexetación invasora, así como 21 kg de residuos mariños.
Grazas a esta limpeza, na que tamén colaborou o Concello do Grove, proporcionando sacos e ferramentas para a recolección, ademais de xestionar a eliminación das especies retiradas, este lugar tan sensible parece que aos poucos vai recuperando os seus valores naturais.
Os traballos están enmarcadas dentro do programa PLANCTON, impulsado por Afundación, que desde o seu inicio logrou retirar máis de 12 toneladas de flora invasora e 81 toneladas de lixo mariño, contribuíndo así á sustentabilidade e preservación de áreas sensibles como as Zonas de Especial Protección para as Aves de ámbito mariño de Galicia, parte da Rede Natura 2000.