As cabinas de teléfono levan anos en perigo de extinción e o Concello de Pontevedra decidiu eliminalas dentro do plan de mellora de imaxe da cidade.
Eva Vilaverde, alcaldesa en funcións e portavoz do goberno local, explicaba que esta desaparición forma parte do mandato emitido por Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, coa intención de manter a cidade "en perfecto estado de revista".
Durante os últimos días, a empresa Telefónica retirou as que permanecían en Curros Enríquez, na contorna de San Francisco ou en Gutiérrez Mellado e que, na súa maioría, se atopaban sen servizo.
Polo momento, as pertencentes á empresa R, que albergan sistemas, tardarán algo máis en ser eliminadas "pero estamos traballando nese asunto", afirmou a portavoz municipal.
Agora tamén está previsto realizar unha operación similar cos valos de publicidade das obras. "Imos retiralos a partir da vindeira semana", avanzou Vilaverde.
Neste caso non se poden eliminar todos xa que algúns deben permanecer, principalmente os relacionados cos fondos europeos EDUSI. Os técnicos están a revisar todos os valos para retirar aqueles que se atopen xa caducados, indican desde o goberno local.
Desta forma, está previsto que desaparezan os valos de gran tamaño situadas no cruzamento entre as rúas Echegaray e Alameda; Gonzalo Gallas, Avenida da Estación e Josefina Arruti.