Retiran 1.200 quilos de lixo mariño dos fondos do porto de Sanxenxo

Sanxenxo
03 de febreiro 2024

Persoas voluntarias da Confraría de Pescadores, Nauta, Porto de Sanxenxo e a Obra Social de ABANCA colaboraron na retirada dos residuos

Mergullador limpando o fondo mariño
Mergullador limpando o fondo mariño / Afundación

Preto de corenta persoas, entre mergulladores e persoal de terra, participaron este sábado nunha xornada de limpeza colaborativa de residuos nos fondos e peiraos do porto de Sanxenxo. 

En catro horas de traballo conseguiron retirar máis de 1200 quilos de lixo mariño, fundamentalmente aparellos extraviados durante o exercicio da pesca, como redes, nasas, áncoras, boias, mangueiras, cordas e cabos ou pneumáticos empregados como defensa de embarcacións. As persoas voluntarias retiraron tamén distintos residuos de orixe continental como botellas e envases de vidro e diversos obxectos plásticos de diversos tamaños. 

Nas tarefas de recollida encontraron así mesmo numerosos vasos de vidrio procedentes do ocio nocturno, unha valla de obra, un motor náutico, un carriño da compra, unha batería de coche, un foco, unha percha ou varios paraugas.

Foi una iniciativa convocada por Afundación, no seo do seu programa Plancton, que é continuidade doutras dúas limpezas de praias realizadas en diferentes enclaves do concello de Muros nas primeiras semanas do ano.

A deste sábado é a primeira xornada de limpeza de fondos realizada en 2024 no marco do Plan de Conservación Territorial On que xa leva retiradas máis de 55 toneladas de lixo mariño dos fondos e costas de Galicia nestes tres últimos anos.

No operativo de limpeza de hoxe en Sanxenxo implicáronse novamente diversas entidades como a Confraría de Pescadores de Sanxenxo, o Porto, a sociedade municipal Nauta que xestiona o porto deportivo, Protección Civil, a Federación Galega de Actividades Subacuáticas, o Concello, Portos de Galicia e o voluntariado Actúa de Afundación.