Doce puntos da cidade, todos eles con moita afluencia de persoas durante todo o día por ser lugares de paso ou de encontro, amenceron este sábado propoñendo un reto a todos os cidadáns. Non é outro que borrar entre todos a pegada do CO2 en Pontevedra.
Esta acción de rúa forma parte da campaña promocional do Efecto PO2 que, baixo o lema -CO2 +PO2, busca demostrar que co paso do tempo e o uso da propia enerxía dos peóns, eliminarase o dióxido de carbono da cidade.
O lema da campaña púxose no eixo Michelena - Peregrina - Daniel de la Sota, Virxe do Camiño, Praza do Hospital, Benito Corbal, Gorgullón, Rúa Serra, Praza de Cruz Vermella, Praza de España, Praza da Audiencia, Praza do Burgo, Avenida de Lugo e Monte Porreiro.
Esta é a primeira das propostas da concellaría de Promoción da Cidade para divulgar o Efecto PO2 entre os veciños de Pontevedra, a través dunha campaña de marketing e de comunicación moi intensa que se prolongará ao longo de todo o ano tanto no Concello como no exterior.