Restricións de tráfico pola renovación integral da rúa da Gándara

Pontevedra
17 de marzo 2014

Os traballos son a primeira fase dunha actuación moi necesaria dado que a rúa se atopa en moi malas condicións de conservación. A empresa Construcciones Crespo, adxudicataria da obra, en coordinación coa Policía Local, implantará un plan de tráfico que restrinxirá a circulación na zona para poder acometer a mellora

Axente da Policía Local de Pontevedra
Axente da Policía Local de Pontevedra / Mónica Patxot

A rúa da Gándara, na zona da Xunqueira de Alba e Lérez, vivirá a partir deste martes restricións de tráfico para poder acometer sen dificultades os traballos de renovación estrutural que se están a acometer na rúa por valor de 241.370,80 euros.

Estes traballos son a primeira fase dunha actuación moi necesaria dado que a rúa se atopa en moi malas condicións de conservación. A empresa Construcciones Crespo, adxudicataria da obra, en coordinación coa Policía Local, implantará un plan de tráfico que restrinxirá a circulación na zona para poder acometer a mellora.

A rúa da Gándara permanecerá pechada ao tráfico no tramo en que se executen as obras (dende a rúa Santiña ata a metade da rúa, pasado o cruzamento coa rúa Cordón). A Policía recomendou ir facendo a obra por fases (ata catro) para poder ir abrindo tramos de rúa.

A rúa Cordón e o resto da rúa da Gándara, ata a súa unión coa estrada de Santiago, permanecerán reservadas para tráfico de residentes e de servizos. O resto resto dos viais (A Santiña, Martín Códax, a avenida da Coruña ou Juan Bautista Andrade) manteñen os tráficos normais.

O proxecto permitirá facer unha rehabilitación estructural de todo o firme nunha superfice de 233 metros lineais. Na actualidade, as deficiencias que existen na rúa son tan importantes que o seu mantemento resulta costoso, polo que os técnicos municipais apostan pola súa rehabilitación.

Tamén está prevista unha nova rede de abastecemento e de saneamento, con separativa de pluviais, que irá acompañada de sumidoiros e todos os elementos necesarios desta rede. A obra rematará cunha nova sinalización horizontal e vertical neste tramo da rúa proxectado.

A rehabilitación estrutural ten por obxecto non só restaurar e mellorar as características superficiais do pavimento, senón tamén conformar e reforzar a superestructura que soporta o tráfico e a actividade que se desenvolve na rúa da Gándara, que é lugar de paso cara a Xunqueira de Alba e próximo ao Camiño Portugués.