Restricións de tráfico na avenida de Bos Aires polo traslado da feira ambulante

Pontevedra
29 de setembro 2023

O operativo suporá restricións entre as 07:00 e as 16:00 horas do sábado. A avenida só estará aberta no sentido entre a ponte das Correntes e a ponte de Santiago, aínda que estará limitado o acceso a vehículos autorizados e aos que acudan ao mercado municipal, o casco histórico e os aparcadoiros. Tamén poderá pasar o autobús urbano.

Plano de mobilidade e sinalización con motivo da feira ambulante
Plano de mobilidade e sinalización con motivo da feira ambulante / Concello de Pontevedra

O traslado este sábado da feira ambulante á avenida de Bos Aires implicará a posta en marcha dun operativo de tráfico para garantir que a actividade se celebre con normalidade.

Este operativo suporá restricións circulatorias entre as 07:00 e as 16:00 horas do sábado, o tempo no que se realizan as tarefas de montaxe e desmontaxe dos postos e a feira en si.

Durante ese tempo, a avenida de Bos Aires só estará aberta no sentido entre a ponte das Correntes e a ponte de Santiago, aínda que estará limitado o acceso a vehículos autorizados e aos que acudan ao mercado municipal, o casco histórico e os aparcadoiros. Tamén poderá pasar o autobús urbano.

No sentido contrario, da ponte de Santiago á ponte das Correntes, os carrís de circulación estarán pechados.

Durante o tempo que duren estas restricións, a parada de bus urbano trasladarase cara a rúa Xoán Manuel Pintos, a carón do pavillón municipal.

A feira estreará nova localización este sábado 30 de setembro e manterase no tempo, de maneira que este operativo repetirase cada sábado.