O persoal do Parque Nacional das Illas Atlánticas está en plena alerta. Os pellets plásticos procedentes de Portugal que están a chegar ao litoral galego xa tocaron terra en dúas das súas illas. Así, nas últimas horas xa apareceron en varias praias de Ons e de Sálvora.
Así o recoñeceu o goberno galego que asegura que, por agora, só se produciu a chegada de pellets plásticos "dispersos" na zona norte de Sálvora, concretamente na praia de Area dos Cans, e en Ons, nas praias de O Almacén e de Os Bois.
Non se constatou a presenza destes materiais nin en Cíes nin en Cortegada, ata o de agora.
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, explicou que a presenza tanto en Sálvora como en Ons deste material é "testemuñal" e estase retirando con medios propios.
De feito, unha ducia de vixiantes e persoal adscrito ao parque nacional permanece mobilizado nos catro arquipélagos realizando labores de recollida e vixiando a posible chegada de novos microplásticos aos areais do espazo natural.
Vázquez avanzou que as análises encargadas pola Xunta para coñecer con exactitude a composición do material que está a chegar á costa, tanto en sacos como en forma de restos dispersos, constatan que se trata de polietileno, un dos plásticos de uso máis común.
"Temos a confirmación de que non é perigoso, pero si é plástico", declarou Ángeles Vázquez, quen insistiu na necesidade e urxencia de que o Goberno central remita de inmediato a "ficha técnica do produto" que transportaba o mercante que perdeu a carga en augas portuguesas.
Ademais, incidiu en que todas as administracións deben facer o "esforzo necesario" para realizar a recollida "organizada, consensuada e con sentidiño" dos restos que chegan á costa.