Grazas a unha subvención concedida pola Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, os Amigos da Dorna avanzan nestas semanas coa fase final da restauración da dorna nai "Surfeira", case única na súa tipoloxía.
Foi no ano 2015 cando se iniciaron os traballos para devolver a Surfeira ao mar, e xa por ese momento levaba xa algún tempo deteriorándose nun almacén, baixo a ameaza inminente de convertirse en irrecuperable.
Dende entón, o colectivo de Portonovo foi traballando e avanzando na súa recuperación, que nun principio estivo enfocada a traballos de carpintería, para garantir a flotabilidade da dorna. Máis adiante traballouse na instalación dun motor intraborda, entre outras melloras.
No ano 2017 a Surfeira volve navegar, e mesmo se converteu na embarcación de maiores dimensións da asociación, o cal atribuiulle un protagonismo considerable. De feito, os Amigos da Dorna ven nesta embarcación moito potencial para atraer nos vindeiros anos unha boa cantidade de novos socios.
Para garantir que iso suceda, a Deputación de Pontevedra outorgoulles unha axuda de 10.000 euros que destinarán á continuación dos traballos de mellora do navío.
En concreto, este financiamento permitiulles mercar unha nova vela, fabricada polos mestres veleiros Ramón Albert e Julio Pousa, de Vilagarcía; instalar varios equipamentos tecnolóxicos e de seguridade; así como contratar ao carpinteiro de ribeira Carlos Fernández Viñas, de Porto Meloxo, para realizar algunas reparacións e melloras.
É cuestión de tempo que a Surfeira volte a Portonovo, segundo afirmou a asociación, e estará á disposición de todas aquelas persoas que estean interesadas en navegar nela, quenes terán que se poñer en contacto coa Asociación de Amigos da Dorna.