Respaldo político á Marcha da APDR: "ENCE non pode seguir onde está por moito que a pinten de verde"

Pontevedra
04 de xullo 2021

A Marcha anual contra Ence da APDR xuntou este domingo unha ampla representación política, en especial de BNG, Galicia en Común e Anova. Acudiron Lores, Luciano Sobral, Luís Bará, Manu Lourenzo, Anabel Gulías, Alberto Oubiña, Demetrio Gómez Xunqueira, Carme da Silva, Antón Gómez Reino ou Antón Sánchez

Representantes do BNG na Marcha da APDR contra ENCE 2021
Representantes do BNG na Marcha da APDR contra ENCE 2021 /

A Marcha anual contra Ence da Asociación pola Defensa da Ría (APDR) xuntou este domingo entre Pontevedra e Marín a arredor dun milleiro de persoas e unha ampla representación política, en especial de BNG, Galicia en Común e Anova

Entre os asistentes estiveron, por parte do BNG, os alcaldes de Pontevedra e Poio, Miguel Anxo Fernández Lores e Luciano Sobral; os deputados autonómicos Luís Bará e Manu Lourenzo; ou concelleiros pontevedreses como Anabel Gulías, Alberto Oubiña, Demetrio Gómez Xunqueira e Carme da Silva.

Luís Bará, portavoz parlamentario de Medio Ambiente do BNG,  sinalou que Ence "non pode seguir onde está por moito que a pinten de verde" e avanzou que o seu partido seguirá defendendo esa liña.

Ademais de recuperar a ría, Bará considera que se Ence deixa a súa localización actual "estamos ante unha oportunidade histórica para desenvolver un proxecto integral que xere máis emprego e máis riqueza no monte e na industria forestal".

Bará reclama á Xunta que asuma a súa obriga de poñerse á fronte do proceso convocando unha mesa na que estean todas as partes implicadas para liderar un plan de futuro que pase, en primeiro lugar, "pola saída de ENCE da ría e a recuperación ambiental dos terreos que ocupa" e, en segundo termo, polo desenvolvemento dun novo proxecto industrial para o aproveitamento integral do monte, "coa potenciación da industrial forestal con novas liñas de produtos e madeiras de calidade e o pecho do ciclo produtivo cunha planta de fabricación de papel".

O deputado fala da necesaria participación pública no proceso, tanto na fase de planificación como de execución, e advirte que a Xunta "non pode seguir defendendo os intereses dunha empresa privada pasando por riba do interese xeral", dado que a saída da factoría da ría está máis que xustificada por razóns ambientais, sociais, urbanísticas, de saúde pública "e tamén de saúde democrática". Nesta liña, sinala que "a peor contaminación é a das portas xiratorias e o uso das institucións para favorecer intereses privados fronte ao interese xeral".

O alcalde de Pontevedra fixo referencia ao momento actual do proceso xudicial que se segue na Audiencia Nacional, pois os maxistrados están a debater sobre os recursos presentados polo Concello, a APDR e Greenpeace contra a prórroga concedida a Ence para seguir 60 anos máis na Ría de Pontevedra. Lores considera que "os argumentos son tan contundentes que sería unha vergoña absoluta que tomaran unha decisión que non fora a que tomou a Avogacía do Estado", isto é, considerar que a prórroga foi ilegal.  

Lores considera "irrefutable" a postura xurídica contra a prórroga e lembrou que en España hai oito fábricas de papel ou pasta de papel e ningunha está en terreos de dominio marítimo-terrestre como a de Lourizán. Na súa opinión, "non hai ningunha xustificación" para a súa permanencia e supón "un agravio comparativo" para o resto das empresas. 

Tamén acudiron o líder de Galicia en Común, Antón Gómez Reino; e o voceiro nacional de Anova, Antón Sánchez. 

Gómez Reino insistiu en que "agora o que toca é sacar Ence da Ría, facer un modelo sostible para a Ría de Pontevedra e, en definitiva, tamén facer un modelo forestal sostible para o conxunto do país".  

O tamén líder de Galicia en Común lembrou que a súa agrupación mantén a mesma postura desde hai moito tempo e defendérona tanto no Congreso dos Deputados como en diferentes espazos lexislativos nos que participan. Sempre defenderon que "é imprescindible que dunha vez por todas a Ría de Pontevedra volva a un estado produtivo, dunha vez por todas a planta de Ence saia da Ría e dunha vez por todas se poida dar unha saída produtiva e sostible á cidade e a Ría".

Ao igual que o BNG, Galicia en Común aposta por un "cambio de modelo forestal", pois "non podemos seguir co monocultivo de eucalipto, que está, ademais, ao servizo de Ence, das portas xiratorias que hai en Ence e de como o Partido Popular foi colocando aos diferentes dirixentes na planta de Ence".