Ás 16.30 horas deste martes 25 de xuño, a poboación de Vilagarcía de Arousa deberá tranquilizarse aínda que comecen a soar alarmas desde o encoro do Con, que se atopa situado en Castroagudín, en Vilagarcía de Arousa.
Trátase dunha actividade de simulacro programada dentro do Plan de Emerxencias de Presas (PEP).
Augas de Galicia estableceu varias sirenas en distintos puntos de Vilagarcía. A intención é familiarizar á cidadanía con estes avisos acústicos para que saiban como actuar en casos de rotura ou de desbordamento da presa, no caso de que sexa necesario evacuar á poboación.
Segundo informa o Concello de Vilagarcía de Arousa, o ensaio tamén permitirá probar o bo funcionamento dos sistemas mecánicos, do software de activación e dos recursos adscritos ao plan INUNGAL.
Estes simulacros realízanse en municipios con núcleos poboacións que se poidan ver afectados na primeira media hora de producirse a rotura do encoro.
Tamén o Concello de Pontevedra alerta de que o mércores 26 de xuño ás 11.30 horas fará soar as sirenas da presa de Eiras, en Fornelo de Montes, que afecta a Ponte Sampaio, no municipio de Pontevedra; a Ponte Caldelas e Soutomaior.
Estes ensaios anúncianse previamente para que a poboación recoñeza o son das sirenas de maneira que as persoas residentes na contorna identifique convenientemente o son no caso de que xurda algunha alerta no encoro.