Rescatan un mergullón pequeno na lagoa enlodada na contorna das marismas de Alba

Pontevedra
05 de outubro 2017

Roberto Díaz, da coordinadora Aecam Galicia Animales del mundo, conseguía salvar o animal accedendo ata onde estaba grazas ás taboas que lle cederon na nave de Medio Ambiente situada nesta zona entre as rúas Martín Códax e A Santiña

Momento do rescate do mergullón pequeno na contorna das Marismas de Alba
Momento do rescate do mergullón pequeno na contorna das Marismas de Alba

Roberto Díaz e Fátima Otero, da Coordinadora Aecam Galicia Animais do mundo, paseaban durante as últimas horas pola contorna da rúa Martín Códax. Querían realizar fotografías da fauna que se atopa nesta zona das marismas de Alba.

Atoparon unha imaxe desoladora, derivada das consecuencias da seca que sofren as Rías Baixas nos últimos meses e da falta de atención deste espazo natural. "Poden verse cadáveres que pola cantidade de lodo e a carencia de auga quedaron sepultados", sinala Fátima Otero.

Ante este panorama, Roberto observou como algo se movía entre a lameira. Era un mergullón pequeno. Só lle sobresaía a cabeza e era incapaz de saír. A partir dese momento, comezou unha operación rescate.

Un traballador da nave de Medio Ambiente cedeu cordas e táboas para tentar achegarse ata o lugar onde se atopaba o ave. Cun ganapán e despois de varios intentos lograron rescatar ao animal que pelexaba por saír do lodo. 

O exemplar de mergullón pequeno non se atopaba en bo estado cando foi rescatado, segundo explican, e deixárono en mans dos técnicos de Cotorredondo para que poida recuperarse. 

Fátima Otero sinala que a zona se atopa moi descoidada e reclaman que por parte da administración, tanto local como autonómica, se elabore un plan de coidado para a contorna das marismas e adopten medidas para evitar que morran estas especies nesta contorna natural.

Arquivado en