Rescatan un kitesurfista á deriva tras bater contra a ponte da Illa de Arousa

O Salnés
15 de outubro 2016

Un mozo madrileño de 30 anos tardará en esquecer o susto que sufriu este sábado mentres practicaba kitesurf, un deporte náutico que consiste en surfear sobre unha táboa que é impulsada por unha cometa. E é que tivo que ser rescatado despois de chocar contra a ponte que une A Illa de Arousa co continente e quedar á deriva no medio da ría

Ponte da Illa de Arousa
Ponte da Illa de Arousa / Juan Mejuto

Un mozo madrileño de 30 anos tardará en esquecer o susto que sufriu este sábado mentres practicaba kitesurf, un deporte náutico que consiste en surfear sobre unha táboa que é impulsada por unha cometa.

E é que tivo que ser rescatado despois de chocar contra a ponte que une A Illa de Arousa co continente e quedar á deriva no medio da ría.

O forte vento provocou que perdera o control da táboa e que, posteriormente, non puidera volver a subir a ela.

Segundo confirmaron fontes oficiais, tras caer ao mar foi arrastrado pola corrente. No momento no que foi localizado polo servizo marítimo da Garda Civil estaba xa a 500 metros da ponte.

O mozo, que se atopa en perfecto estado de saúde, foi evacuado ao peirao do Xufre (A Illa de Arousa).

Alí o esperaba un familiar que se fixo cargo del cando a Garda Civil o levou a porto.