Un home tivo que ser rescatado polos servizos de emerxencia na tarde-noite deste martes logo de caer nun acantilado entre as rochas e o mar, en Cambados, segundo a información facilitada polo Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112.
O 112 recibiu o aviso polo accidente pouco despois das 21.00 horas deste martes a través de particulares. Segundo relataron, o home caeu accidentalmente dende a Torre de San Sadurniño, na illa de Santo Tomé.
As persoas alertantes indicaron ao 112 que eran precisos medios de rescate para a evacuación da persoa, de maneira que o Centro Integrado ás Emerxencias de Galicia (CIAE) pasou aviso ao 061-Urxencias Sanitarias e solicitou a colaboración dos Bombeiros do Salnés, de Protección Civil e da Policía Local de Cambados.
Efectivos de Protección Civil confirmaron ás 22.30 que o home xa fora rescatado e ía ser trasladado en ambulancia polo persoal sanitario ata o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.