Rescatan do fondo do río Parada 25 pedras da ponte medieval de Anceu

A Lama
11 de abril 2025

Un equipo de submarinistas procedeu á recuperación das pedras orixinarias, que serán recolocadas neste vial da parroquia de Verducido que está sendo sometido a un proceso de rehabilitación

Rescate dunha das pedras da ponte de Anceu mergullada no río
Rescate dunha das pedras da ponte de Anceu mergullada no río / Concello da Lama

O fondo do río Parada gardaba un tesouro, 25 pedras orixinarias da ponte medieval de Anceu, na Lama, coñecida como 'Ponte Anceu'.

Un equipo de submarinistas procedeu á recuperación das pedras, que agora serán recolocadas neste vial da parroquia de Verducido.

A ponte está sendo sometida a un proceso de rehabilitación impulsado polo Concello da Lama e executado pola empresa Árbore Arqueoloxía, Sociedade Cooperativa Galega.

Ao longo destes días estase levando a cabo un proceso de recuperación das pedras que ao longo dos anos foran caendo ao río por efecto das enchentes e a propia acción das raíces das enredadeiras que tiñan totalmente asovallada a ponte.

Estas pedras son maioritariamente parte dos pretiles que faltan dos laterais, e que serán reintegrados por artesáns canteiros.

O alcalde da Lama, David Carrera, explicou que sacalos do río foi "un traballo laborioso, pero paga a pena por velos lucir de novo no seu lugar orixinal".

Con esta actuación, pretenden recuperar 'Ponte Anceu' e tamén revitalizar esta zona desde un punto de vista medioambiental, turístico e de goce veciñal.

O alcalde lembra que por esta ponte, que comunica o concello de Fornelos de Montes e A Lama, era por onde chegaban os arrieiros que facían o camiño desde Ribadavia, co viño do Ribeiro, ata Pontevedra e tamén cara Santiago.

Os traballos de restauración de 'Ponte Anceu' comezaron hai uns días e teñen como obxectivo mellorar unha serie de problemas de conservación que presenta na actualidade.

Por motivos de seguridade, o acceso á ponte estará restrinxido durante o tempo que duren os traballos de restauración, para que poidan desenvolverse sen incidentes. Unha vez rematados, volverá a abrirse de xeito completo.