Apenas un mes de vida ten o can que foi rescatado este xoves pola Policía Local de Poio. Estaba pechado dentro dun coche e presentaba síntomas de deshidratación.
A intervención policial produciuse sobre as dúas e media da tarde na Avenida da Seara, en San Xoán de Poio, onde o coche estaba estacionado.
O cachorro estaba dentro do vehículo, que no seu interior estaba a máis de 35 graos.
O seu propietario, segundo explica a Policía Local de Poio, será denunciado por infrinxir a lei de benestar animal.
Desde este corpo policial recordan que ter unha mascota implica coidala adecuadamente e proporcionarlle o que precisa, atender ás súas necesidades básicas e velar polo seu benestar.