Catro persoas tiveron que ser rescatadas este domingo pola lancha dos socorristas da praia da Lanzada despois de quedar á deriva fronte fronte á costa do Grove porque o motor da embarcación na que navegaban deixou de funcionar.
Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, unha das catro persoas que estaban a bordo dunha lancha chamou para alertar da situación e explicou que estaban fronte a praia de Borreiros e que todos se atopaban ben nese intre, aínda que estaban dirixíndose cara ás rochas.
Ao ter coñecemento do sucedido, Salvamento Marítimo mobilizou a lancha Salvamar Sargadelos, o grupo acuático do GES de Sanxenxo púxose en marcha e tamén unha patrulleira da Garda Civil do Mar.
Ademais, foi informada a Policía Local e o Servizo Municipal de Protección Civil do Grove.
O aviso chegou aos socorristas da praia da Lanzada, que acudiron en axuda das catro persoas a bordo dunha lancha e rescatáronos.
Logo diso, dirixíronse ata Pedras Negras escoltados pola patrulleira da Garda Civil e a embarcación de Salvamento Marítimo para deixar estas catro persoas en terra.