Requisan unha canoa, unha embarcación pneumática e unha táboa de surf empregadas por furtivos en Lourizán

Pontevedra
23 de xaneiro 2019

Xunto con este material, as autoridades requisaron preto de 240 quilos de ameixa babosa e xapónica. A mercadoría pertencía a unhas oito persoas que estaban faenando de xeito ilegal nas autorizacións da confraría de Lourizán e que fuxiron

Ameixa incautada a furtivos en Lourizán
Ameixa incautada a furtivos en Lourizán / Xunta de Galicia

Os furtivos non descansan e buscan novas fórmulas para extraer marisco das rías galegas de xeito ilegal. Unha das máis sorprendentes foi detectada na ría de Pontevedra.

Axentes do servizo de Gardacostas de Galicia, en colaboración coa Policía Autonómica e gardapescas das confrarías de Pontevedra e Lourizán, requisaron preto de 240 quilos de ameixa babosa e xapónica no marco dun operativo despregado en Lourizán.

A mercadoría requisada pertencía a unhas oito persoas que estaban faenando de xeito ilegal nas autorizacións da confraría de Lourizán e que fuxiron.

Xunto co marisco, foron incautadas unha canoa, unha embarcación pneumática e unha táboa de surf, material que empregaban para faenar.

No marco deste control os axentes tamén incautaron sete ganchas que atoparon posteriormente na escollera do río Lérez.

A Consellería do Mar lembra á cidadanía que o consumo de marisco extraído e comercializado de xeito ilegal é un risco para a saúde ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale. De aí que pida ao consumidor que non compre produto fóra das vías legais de comercialización.