Requisan en Vilagarcía 1.000 vieiras furtivas procedentes de Ferrol

O Salnés
07 de marzo 2016

A Garda Civil de Vilagarcía denunciou cinco persoas que están consideradas como integrantes dun grupo organizado que se dedica á extracción, transporte e comercialización de vieiras ilegais procedentes da Ría de Ferrol

Vieiras intervidas pola Garda Civil no operativo contra o furtivismo
Vieiras intervidas pola Garda Civil no operativo contra o furtivismo / Guardia Civil de Pontevedra

O Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil de Vilagarcía logrou a  incautación de 1.000 vieiras procedentes do furtivismo e denunciou cinco persoas que están consideradas como integrantes dun grupo organizado que se dedica á extracción, transporte e comercialización de vieiras ilegais procedentes da Ría de Ferrol. 

O operativo forma parte das actuacións realizadas pola Garda Civil para a erradicación do furtivismo e desenvolveuse o pasado 2 de marzo en Vilagarcía coa intervención de membros do Seprona, axentes do posto de Vilagarcía e efectivos do Servizo de Gardacostas con sede en Vilaxoán. Permitiu localizar 1.000 vieiras que pesaron un total de 300 quilos cando estaban a ser transportadas nunha furgoneta marca Renault Kangoo, pero os investigadores tamén localizaron un segundo turismo, un Opel Corsa, que actuaba de vehículo 'lanzadeira'.

Os axentes identificaron os condutores e acompañantes destes vehículos. Trátase de dous veciños de Ferrol, dous do Grove e un de Vilagarcía e os cinco foron denunciados ás delegacións provinciais das consellerías Pesca e Sanidade da Xunta de Galicia por infraccións graves ás súas respectivas normativas. 

Unha vez realizadas as tomas de mostras e pesadas das vieiras incautadas, o Servizo de Gardacostas fíxose cargo delas e arroxounas novamente ao mar. Os vehículos foron intervidos. 

Os investigadores alertan de que os integrantes deste grupo organizado realizaban actuacións que constituían un grave risco para a saúde humana, xa que extraían o produto e poñíano no mercado sen pasar ningún tipo de control nin cumprir garantías sanitarias.