Repunte de ingresos por covid con 80 hospitalizados mentres seguen a caer os casos activos

Pontevedra
01 de marzo 2022

A cifra de hospitalizados na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés supón un incremento de 11 ingresos desde o domingo. No que respecta a os casos activos este martes 1 de marzo son 1.913, o que supón un descenso de 77 con respecto á xornada previa

Punto de realización de probas PCR no Hospital Provincial
Punto de realización de probas PCR no Hospital Provincial / Mónica Patxot

O mes de marzo iníciase na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés con 1.913 casos activos de covid, o que supón un descenso de 77 na última xornada segundo recolle a actualización oficial de datos ofrecida polo Servizo Galego de Saúde.

Nas estatísticas destaca nos dous últimos días o incremento de hospitalizados por coronavirus na área pontevedresa, con 80 persoas ingresadas, o que supón 11 máis que o pasado domingo e 2 que o luns. Delas son 3 as que evolucionan na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo e o resto fano en planta repartidos entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (65), o Hospital do Salnés (7) e o Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez (1).

Segundo este balance na última xornada contabilizáronse 165 novos contaxios e déronse 242 altas epidemiolóxicas, situando a cifra de persoas que superaron o virus nas 55.412.

Ademais desde o inicio da pandemia rexistráronse 258 falecementos de persoas con positivo activo en covid.

A nivel autonómico Galicia conta este luns 28 de febreiro con 16.865 casos activos, o que supón 1.203 menos que o luns.